Certame 2021 – Finalistas – Secundaria

18
Nome: Anxo del Río Enjo
Escola: IES Arcebispo Xelmírez II
Texto:
Década 1940. A Leiteira da Ponte de San Lázaro
A mediados da década de 1940 alguén lle sacou esta foto a unha leiteira da Ponte de San Lázaro, a miña bisavoa Isaura. Antes de ir traballar as leiras, Isaura percorría todas as mañás ao redor de quince quilómetros vendendo o leite de casa en casa. A fotografía mostra como Isaura empurra o remolque cheo de caldeiretas do leite procedente das vacas da súa casa e mais do que lle mercaba aos veciños da aldea para que lle cubrira a viaxe e así sacar maior beneficio. A foto foi tomada nalgún punto do camiño entre a Ponte de San Lázaro de Abaixo e o centro da vila de Santiago de Compostela. Representa unha imaxe na que moitas mulleres desa época e dos anos posteriores se verían reflectidas, posto que era un traballo que nas casas adoitaban encargarlles dende nenas.
Uns anos mais tarde Isaura conseguiría abrir un ultramarinos con bar, o negocio familiar que rexentou ata xubilarse.
Filla de Andrés de Caballero, Isaura, nada en 1924, foi un exemplo de matriarca, a muller da casa e nai solteira, forte, traballadora e emprendedora incansable. Como tantos outros galegos do rural, fíxose cargo da crianza das súas fillas e de dous sobriños para que as súas irmás emigraran a Inglaterra. Faleceu en xaneiro de 2005, despois dunha longa enfermidade, arroupada por Inés e María, as súas fillas.

—————————————————————-
98
Nome: Carlota Pereiro Budiño
Escola: IES Antonio Fraguas. Santiago
Texto:
“ Porco que está sen cebar, non se debe matar…”
“ O rico que queira empobrecer, que críe porcos pra vender…”
Esta foto é do ano 1970, todos os veráns na casa da miña avoa materna xuntábanse todos os irmáns, sempre era unha festa, xa que parte da familia estaba emigrada en Arxentina, París ou lugares mais próximos como Barcelona…
Os meus bisavós tiñan una casa grande con hortiña. Meu bisavó era escribente no Concello e a miña bisavoa traballaba na casa, porque era enferma.
O San Xóan era moi divertido, porque todo o mundo estaba moi contento, esa rapariga é a miña nai, mentres os maiores preparaban a cea e acendían a cacharela, a rapazada enredaba… Ela xogaba moito coas galiñas, pero o que máis lle gustaba era varear os porquiños.
Criar un porco para comer, era unha fartura para todo o ano e ter unha porca con bacoriños, convertíase nunha especie de lotaría, xa que aseguraba a cría e vendíanse nas feiras ou polas portas; o que contribuía á economía familiar.

—————————————————————-
120
Nome: Carla Davila Casas
Escola: IES Antonio Fraguas
Texto:
Facendo as alfombras de flores en Bueu
Nesta fotografía sacada entre os anos 1950 e 1960 en Bueu, Pontevedra, pódense ver unhas mulleres facendo unhas fermosas alfombras de flores na estrada nas Festas do Corpus.
Entre elas atópase a miña bisavoa axudando a colocar o que semellan uns pétalos de rosa brancos. Chamábase Mª Julia Clementina, pero todos a chamaban Clemen. Ela é a muller que está a mirar cara abaixo na fila do lado dereito. A miña avoa contoume que todos os anos se facían estas alfombras, coma unha tradición, e para formar os seus bonitos deseños colaboraban toda a veciñanza.
Hoxe en día aínda se seguen facendo estas alfombras a comezos do verán. Adornan as estradas e fan que as rúas se enchan de cor e alegría. Encántame axudar coa miña avoa tódolos anos ao resto dos veciños; primeiro quitándolle os pétalos as flores e conseguindo todos os materiais necesarios e despois de marcar nas rúas os deseños a noite anterior, toca encher os seus ocos a primeira hora da mañá con sementes, mirtos, fiuncho, rosas, pampullos, hortensias, pequenas cunchas da praia, area tinguida de diferentes cores…
Espero non perder nunca esta tradición, e como a miña bisavoa llo ensinou a miña avoa e ela a min, poder facelo eu tamén cos meus fillos.

—————————————————————-
173
Nome: Aroa Arias
Escola: IES San Rosendo de Mondoñedo

Texto:
A foto foi tomada en Mondoñedo polo ano 1948.
Era un dos primeiros autobuses que houbo nesta cidade. Nela aparece o meu bisavó agarrado ao ferro por detrás do soldado na praza do concello de Mondoñedo.
Meu bisavó fora invitado para ver a chegada dese primeiro autobús pois era amigo do conductor.
Na imaxe vese a expectación que causou a súa chegada porque amoreouse moita xente, e mesmo detrás das ventás.
Vemos que o cambio no tempo foi considerable, non había límite de pasaxeiros e a ubicación tamén era distinta e variada.

—————————————————————-
175
Nome: Cecilia Lombardía
Escola: IES San Rosendo de Mondoñedo
Texto:
Esta foto foi tomada un 17 de outubro de 1964 na entrada do Instituto San Rosendo de Mondoñedo uns anos despois da súa ampliación, feito que fixo que as actividades e cerimonias locais se comezaran a facer neste centro, a pesar de non ser a súa función principal, que é a da docencia. Neste caso estábase celebrando o pregón que da comezo á feira e festa das San Lucas, un dos eventos máis importantes que suceden cada ano na cidade.
Na foto hai moitas persoas, algunhas pódense distinguir ben, mentres que outras non se chegan a identificar. No centro da foto hai un home alto e traxeado, é Nazario González-Seco, o presidente da Comisión de Festas, ao seu redor están as sanluqueiras dese ano (de esquerda a dereita) Chelo Santaballa, Mónica Seco, Montserrat Torres (raíña da festa), Mari Carmen Loureiro e Ángeles Meilán.
Na foto aparecen os gaiteiros en formación de cuarteto. Innovación xenuinamente mindoniense (gaita 1ª, gaita 2ª, tambor e bombo), que se estendeu a todas as festas de Galicia, sendo agora considerada a formación básica tradicional.
Tamén poden verse moitos nenos, que estaban desexando ver á raiña das festas e ás damas para que lles deran larpeiradas.
Esta festa é moi importante para todos os mindonienses e é un evento que destaca a nosa esencia galega e mostra as nosas tradicións e crenzas. Ao día de hoxe esta tradición segue viva e paréceme moi importante que nos preocupemos por manter estas celebracións.

—————————————————————-
205
Nome: Andrea Torreiro Sastre
Escola: IES A Sangriña
Texto:
Esta fotografía foi tomada en 1969 na vila da Guarda (Pontevedra). Nela aparecen dous homes, un deles é Manuel (o que ten un só dente), e o que está ao seu lado é Antonio (un amigo da miña familia). Na foto podemos ver como van disfrazados de cabezudos e detrás deles podemos ver outro disfrace típico, os xigantes.
Estes personaxes adoitaban facer rir e ir bailando polas rúas da vila. Na nosa vila están documentados desde 1906 e os que saen na foto eran a denominada “parella inglesa”, uns dos máis antigos. A Guerra Civil interrompeu as súas saídas e comezaron a recuperarse nos anos 50 e 60 durante as Festas do Monte (Monte Trega).
A tradición dos cabezudos xa non se celebra coma antes. Agora ás veces adoitan saír acompañando o “Desfile de bandas e comparsas”, que se celebra durante o verán. Ademais, hai outros lugares de Galiza onde tamén se celebra, como en Compostela ou Pontevedra.

—————————————————————-
206
Nome: Daniel Cabaleiro Gándara
Escola: IES A Sangriña
Texto:
Esta é unha foto tomada aproximadamente no 1950 (as persoas da foto agora teñen uns 80 anos), e nela pódense ver as curmás da miña avoa coas súas bicicletas atravesando unha pista. A foto foi tomada en San Simón de Ribadelouro (Tui). Non se sabe de forma segura onde están indo, pero o mais probable é que estean indo á compra en bicicleta, xa que daquela época os coches e autobuses eran moi escasos, e era bastante común usar a bicicleta para case todos os desprazamentos, de feito, pódese ver claramente que os camiños non estaban preparados para vehículos a motor, xa que non hai sinais, nin están asfaltados.
Aínda que o anterior caso é o máis probable, tamén é posible que simplemente estean dando un paseo na súa bicicleta, pois naquela altura, durante a posguerra, era un dos medios de transporte máis utilizados pola poboación. Entre outras tarefas diarias, a bicicleta servía tanto para ir á traballar a leira, como para ir a festas e romarías. Ademais, tamén a usaban os carteiros para repartir o correo polas zonas rurais, ou os afiadores para ir coa súa pedra afiando polas rúas.

—————————————————————-
226
Nome: Jesús Iglesias Lomba
Escola: IES A Sangriña
Texto:
Esta é unha foto tomada aproximadamente na última metade dos anos 60, sobre o ano 1967, no barco antigo da miña familia chamado “Analidia”. No barco estaban o meu bisavó Argentino (no centro da imaxe detrás da quenlla) con algúns dos seus irmáns e sobriños.
A pesca está moi arraigada na vila costeira da Guarda e sempre constituíu unha das principais fontes de ingresos, ademais, a flota guardesa do peixe espada está considerada como unha das máis importantes de España.
Na foto, estaban contentos porque acababan de pescar unha quenlla peregrina no mar aberto e andaban a sacala da rede. A quenlla non é un peixe moi apreciado aquí, pero si para a súa exportación, sobre todo a países asiáticos.

—————————————————————-
232
Nome: Carlos Otero Seivane
Escola: IES de Foz (Lugo)
Texto:
Casa Meilán era unha antiga pousada situada na daquela rúa General Franco, hoxe rebautizada como Afonso VII, que servía de cafetaría, restaurante e aloxamento. A miña bisavoa (María) e a miña tía avoa (Milagros), ambas as dúas situadas á esquerda da imaxe, traballaron alí. Eran cociñeiras, aínda que tamén se ocupaban dos cuartos. Milagros dime que a foto é de 1961 máis ou menos. Traballou alí máis de dez anos.

—————————————————————-
268
Nome: Candela Sinde Vieites
Escola: C.P.I. Plurilingüe Fonte Díaz (Touro)
Texto:
Esta foto foi sacada no ano 1969, nela aparecen meu bisavó con un veciño nunha das tantas tardes na que estaban descargando o esterco e logo ían a engarzar a herba para darlle de comer os animais. O tractor, o mítico Barreiros, é de meu bisavó, foi o primeiro en chegar a súa aldea, de aí o motivo da foto, e despois de 51 anos o tractor segue funcionando como o primeiro día.
A chegada do tractor e doutras máquinas facilitou moito o traballo do campo, provocando o abandono do carro, e permitiu comezar a cultivar máis zonas sen necesidade de tanta man de obra e duro traballo, o que á súa vez mellorou, non só o benestar físico das persoas, tamén as economías domésticas. Este tipo de avances tamén fixeron que a xente non emigrase tanto.

—————————————————————-
278
Nome: Candela Sinde Vieites
Escola: C.P.I. Plurilingüe Fonte Díaz (Touro)
Texto:
Calvos (Touro), ano 1967. Nestas fotos pódense ver os meus tataravós, bisavó e irmáns realizando as distintas tarefas que se facían na época, como ir o mulime, a malla ou a herba para os animais cos bois axudados do carro, o único vehículo que permitía transportar grandes cantidades e que servía de medida para abrir os camiños.
Na primeira ían ao mulime para estrar as cortes do gando e así facer esterco para logo abonar os cultivos que se sementaban.
Na segunda están mallando o trigo coa máquina “moderna”. Para a malla xuntábanse todos os veciños, cada un ou unha tiña unha función. Os da dereita collían mollos da meda e botábanos no taboleiro, onde un os desataba e o outro vai metendo a palla para dentro da máquina para que lle sacase o trigo. Logo á esquerda están as e os que recollen a palla que sae da malladora, coa que fan o palleiro e non se aprecia. Despois de rematar o traballo comían todos xuntos na casa do veciño ao que ían axudar.
Na última imaxe meu tataravó está preparando a besta posiblemente para ir a feira, sempre e cando o meu bisavó lle deixará. Daquela o gando, neste caso as bestas eran moi importantes nas casas, porque utilizábanse para traballar e como medio de transporte, sobre todo para longos traxectos. Á vez, nas casas, as cortes sempre estaban situadas debaixo dos cuartos de durmir, porque así aproveitábase o seu calor.

—————————————————————-
286
Nome: Icía Fernández Ferreiro
Escola: IESP de Ames
Texto:
Xantando en Santa Minia
Esta foto foi tomada na década de 1950 nas festas de Santa Minia, en Brión (A Coruña), un 27 de setembro.
Pódese ver un grupo de mozos e mozas do lugar de Logrosa e Negreira, despois de xantar. Comían nunhas leiras en fronte a carballeira de Santa Minia, pois nela había terra.
Era das últimas festas do verán, xuntábanse os mozos e mozas de Logrosa a primeira hora da mañá e saían andando cara Brión (7km) para chegar a tempo á misa e procesión (que era pola mañá). Na misa, a banda tocábase o himno español ao alzar (no momento da consagración). A xente ofrecía figuras de cera representando partes do corpo para curarse.
A roupa coa que saían da casa era a que usaban durante todo o día, agás os zapatos: levaban unas zapatillas para camiñar e poñían os zapatos ó chegar. As zapatillas había quen cargaba con elas nunha bolsa e quen as escondía no camiño. Non levaban roupa “de festa”, mais tampouco era a de diario.
Para ambientar a festa había unha banda de música grande. Para comer levábase tortilla e filetes empanados, e para beber viño. Se precisaban auga había unha fonte na carballeira.
Emprendían o camiño de volta con tempo para chegar antes do anoitecer.
Actualmente, séguese celebrando a romaría, á cal acoden moitos devotos procedentes de toda Galicia para pedir a intercesión da Santa e ofrecerlle figuras de cera.

—————————————————————-
288
Nome: Sofía Álvarez Castro
Escola: IESP de Ames
Texto:
Ao volante do comandante
Un mariño e un coche son os  protagonistas desta foto. Un mariño daqueles afortunados que aproveitaron o servizo militar para ver mundo. Este mariño é o meu avó Carlos, que fixo a “mili” en Ferrol como chófer do comandante,  o dono do coche.  Non era o oficial, senón o persoal, o que case non usaba o comandante e por iso o meu avó tamén se encargaba do seu mantemento, usándoo de cando en vez para evitar o seu desgaste.  
En Ferrol había moitos militares, e por iso, había persoas  pola rúa que gañaba a vida sacándolles fotos, pois todos querían presumir xunto aos compañeiros ou nos coches, que daquela eran moi caros e raros.  Así foi o caso do meu avó có coche do comandante, un día de outono de 1956. Aínda que non lembra a persoa que lle sacou a foto, dende logo, fixo un gran labor, pois grazas a ela, temos inmortalizado o recordo deste coche antes do seu pobre final.
Un día, o fillo de 14 anos do comandante foi buscar o coche ao taller porque o seu pai llo pedira , e nada máis o acendeu, chocou contra unha farola e o coche quedou desfeito. O castigo para o rapaz foi raparlle a cabeza e mandalo a un internado. O coche foi arranxado e quedou co comandante, pero o seu destino é descoñecido. Quen sabe se ata o día de hoxe máis mariños sacarían unha foto co vello coche ao coidado do meu avó!

—————————————————————-
303
Nome: Sofía Álvarez Sánchez
Escola: Marquesa do Pazo da Mercé
Texto:
Foto-recordatorio “Peregrinación nevense a Santiago”.
Aparecen: os veciños participantes, estandarte, ano da peregrinación e Caixa da ofrenda.
No 1948, o concello de As Neves, organizou unha peregrinación a Santiago de Compostela á que asistiron arredor de 1000 veciños das 13 parroquias.
A peregrinación fíxose nun tren especial para a ocasión.
En Santiago, saíron da alameda cara á catedral portando, os nobres da vila José Méndez, José Cancelo e Manuel Monteagudo, un estandarte de seda co escudo do concello.
A ofrenda fíxoa o alcalde: Salvador Fernández Alonso, que recibiu a medalla de cofrade honorario.
A ofrenda, 1000 pesetas, ía nunha caixa de buxo (obra do artista local Fernando Soto Campos) labrada co escudo do concello, a data da peregrinación e a Cruz de Santiago e, no interior da tapa, pintada a catedral.
Remataron os actos recibindo as medallas de irmáns maiores  Mariano Araujo Durán (cura de Ribarteme) e  Francisco Sáa Aldir (cura de Tortoreos).

—————————————————————-
304
Nome: Daniel Campos Pauzat
Escola: IES Plurilingüe de Ames (Ames, A Coruña)
Texto:
O meu bisavó naceu en Noia, era mariñeiro e antes do 36 estaba vivindo en Cádiz. Despois de unirse ao bando republicano e perder a guerra tivo que exiliarse.
Esta fotografía tiña un valor especial para o meu bisavó porque foi tomada nada máis chegar a Francia despois da viaxe a pé polo Pirineo para fuxir do Franquismo e das represalias aos republicanos en España.
Aínda que o recibimento por parte das autoridades francesas non fora o esperado, para os que chegaban era o comezo da liberdade despois de moitos anos de persecución.
A fotografía foi tomada por un amigo co que viaxou dende España e que firmou unha dedicatoria por detrás: ” A mi buen amigo Antonio con todo el afecto- Barcarés-1940″.
O meu bisavó contaba a miúdo que os dous fixeran unha foto similar e que para facelas compartiran o mesmo abrigo posto que a pesares de ser inverno só tiñan un.
Despois desta foto foi detido polas autoridades francesas e pasou varios meses no campo de refuxiados de Argelés sur mer, a continuación foron levados polos alemáns a Burdeos para traballar na construción dunha base naval.
Ao terminar a guerra embarcouse de novo para acompañar aos xudeus superviventes a Palestina e a volta decidiu quedarse definitivamente en Burdeos onde coñeceu a miña bisavoa.
35 anos máis tarde volveu a Noia por primeira vez e aínda tiña o medo no corpo.

—————————————————————-
323
Nome: Aldo Tartaglione Costa
Escola: IES Antón Alonso Ríos
Texto:
Ano 1959. Nesta foto poden ver o meu avó Antonio (o da bicicleta) nunha festa de Tabagón (parroquia do Rosal), realizando un xogo típico chamado ¨O Burro¨ xa que, antigamente, este xogo non se realizaba cunha bicicleta, era montado nun burro. A día de hoxe nesa festa aínda se realiza este xogo. O xogo consistía en, cun pau e montado nunha bicicleta, intentábase coller os máximos aneis posibles, os cales ían cunhas cintas para poder enganchalos, os aneis son os que colgan nesa barra de ferro que se pode ver na fotografía. Neste xogo tamén había unha variedade que consistía en agarrar o pau ca boca en vez do brazo e así darlle máis dificultade ao xogo. Miña avoa contoume que ese día meu avó intentouno tantas veces que acabou gañando e que ese día foi un dos que ela se deu conta de que estaba namorada del xa que daquela eran mozos e pasaron o día enteiro xuntos por primeira vez.

—————————————————————-
366
Nome: Irene Freiría Álvarez
Escola: IES Antón Alonso Ríos
Texto:
Esta foto foi tomada o 19 de marzo de 1938. Nela podemos observar un batallón onde aparece o meu bisavó chamado José González Gil cos seus amigos. Mandáronos ir á Guerra Civil, xa que non se podían negar (algúns escapaban para o monte ou mudaban de país). Tampouco podían elixir de que bando estar e puxéronos no bando de Franco.
O meu bisavó foi a loitar a Xixón por 2 anos e medio, el mandaba cartas á súa familia para ver si estaban ven e contáballe todo o que vivira. Eu só conservo una carta que puña:
“Alégrome que estedes ben eu tamén o estou. Agora mesmo estamos nunha montaña onde pasamos moito frío pero estes días está dando o sol entón estamos bastante ben, os chicos de esta zona nos traen vino que esta moi barato. Tamén teño noticias moi boas cremos que vai a acabar a guerra porque Zaragoza está ganando moitas batallas”

—————————————————————-
386
Nome: Laura Rodríguez Fernández
Escola: IES Antón Alonso Ríos
Texto:
Esta é unha imaxe de 1950. Entre o grupo, na fila inferior, o segundo empezando pola dereita é o meu avó Pedro. Hai máis familiares meus coma o avó da miña prima.
A foto está tomada na escola unitaria de Amorín en Tomiño. É como unha foto-orla do grupo. Era una escola só de nenos de diferentes idades (entre os 6 e os 12 anos) que estaban agrupados, dentro da mesma clase, en función dos seus coñecementos de escritura-lectura e cálculo, e cun único mestre. Ese mestre impartía clase a todos os alumnos independentemente do seu nivel. Neste caso, era un grupo de 30 alumnos que na imaxe aparecen en ringleiras por idades co seu mestre no centro.
Esta escola, na actualidade, é o Colexio Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés.

—————————————————————-
408
Nome: Marta Abollo Pazo
Escola: IES Antón Alonso Ríos
Texto:
Nesta fotografía podemos observar a un grupo de rapazas nun colexio de monxas, unha de elas é a miña avoa a cal se chamaba Esperanza. É unha fotografía do 1955 na cal podemos observar as rapazas bordando un mantel xa que antigamente era unha actividade moi habitual para pasar o rato e nos colexios adicabase tempo para aprender a bordar e coser.Estes colexios educaban e ensinaban as rapazas, algunhas acabarían sendo monxas e outras moitas non. Miña avoa contoume que cando ela era moza o que máis lle gustaba era ir a escola xa que daquela pasábano mellor alí que na casa. Como se pode apreciar todas tiñan un uniforme para estudar alí e todas tiñan que levar o pelo recollido. A foto está enmarcada como un recordo.

—————————————————————-
415
Nome: Nerea Álvarez Gayoso
Escola: IES Antón Alonso Ríos
Texto:
O meu avó, José Álvarez Gayoso foi o inventor da rede do Ameixón no ano 1958. Nesta foto podemos velo a el manexando a rede en Tomiño.
Agora vouvos a contar a historia, ben curiosa, de como isto sucedeu. A rede non era igual que a de agora, co paso dos anos foise perfeccionando. O meu avó conta que ía de noite ao río Miño a pescar, e ao chegar a maré, recollía a rede no tractor e levábaa para casa para que ninguén lle collese a idea. El afirma que puido coller ata douscentos quilos con esa rede.
Varias persoas din que a rede lla copiou un veciño e outros o seu cuñado. Todo sucedeu cando el non estaba na casa; o veciño ou o cuñado entraron nela e foron ata o cabanón. Estando alí miraron a rede e a partir daquela empezaron a difundir como era, e todos comezaron a ter unha.

—————————————————————-
429
Nome: Olalla Vizoso González
Escola: IES Antón Alonso Ríos
Texto:
Nesta imaxe, tomada a mediados dos anos 60, aparece a miña avoa Carmen cando tiña arredor de vinte anos, preparada para ir vender o leite á cidade de Tui. Cada mañá, antes das nove, saía camiñando dende a parroquia de Randufe co xerro de seis litros, que aínda conserva hoxe en día con agarimo. Entre as súas clientas habituais, ás que ela chamaba “as fureiras”, estaban “á de Remuíños”, que lle compraba un litro, e a Carmen “do fotógrafo”, que lle collía dous litros ou tres, dependendo do día. O que lle sobraba ía vendelo ao mercado da verdura, que por aquel entón estaba na rúa Ordóñez, por riba da Corredoira. Ás veces, tamén levaba viño, ovos e produtos de tempada cos que poder quitar un pouco máis de diñeiro. Cos cartos que facía no día ía facer a compra, e como ela recorda cun sorriso nostálxico “diso vivíase, e que ben se vivía!”.

—————————————————————-
447
Nome: Uxía Aballe Domínguez
Escola: IES Antón Alonso Ríos
Texto:
Na imaxe está a miña bisavoa Jesusa, nunha foto datada o 13 de abril de 1969, escarpeando xunco na casa dunha amiga.
Naqueles anos, xuntábanse as veciñas a escarpear para facer corozas. As corozas eran como se foran uns abrigos ou sombreiros para cubrirse da choiva, para ir as feiras , ou para ir as fincas a traballar e non mollarse.
Para facer as corozas ían apañar o xunco pola ribeira, despois o puñan a secar, machicábanos un pouco, escarpeábannos e despois facían as corozas. Cando escarpeaban, limpaban e rascaban o xunco cun escarpelo.
Na imaxe, a miña bisavoa xa ten unha coroza montada no colo, estalle dando os últimos retoques e parece contenta coa tarefa porque estes traballos eran un momento de reunión e faladeira entre veciñas e amigas.