- 34 centros educativos da eurorrexión participarán nesta iniciativa durante os próximos meses
- Así mesmo, organizarase un curso de formación específica dirixido ao profesorado
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a asociación cultural e pedagóxica Ponte… nas ondas! colaborarán unha vez máis para promover o intercambio lingüístico galego-portugués entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ao abeiro desta cooperación, e no marco do programa ‘Escolas nas ondas’, 34 centros educativos realizarán durante os próximos meses obradoiros de iniciación á radio, que se completarán cun curso de formación para profesorado sobre a creación de podcasts e a posta en marcha de radios dixitais, impartidos por profesionais das ondas.
Tanto esta asociación como a propia Consellería procuran promover con este programa o intercambio lingüístico entre os máis novos aos dous lados da raia, favorecendo así o estreitamento dos lazos co ámbito da lusofonía, obxectivo co que o departamento educativo da Xunta de Galicia esta fortemente comprometido e que está a poñer en marcha nomeadamente ao abeiro do desenvolvemento dos obxectivos da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía, coñecida como ‘Lei Valentín Paz-Andrade’, que aprobou por unanimidade o Parlamento de Galicia hai xa dous anos.
Creación e uso nas redes
Os obradoiros están destinados á formación do alumnado na creación e realización de podcasts para a súa inserción nunha plataforma dixital de difusión que poden ser as radios educativas de cada centro onde se desenvolva. Entre outros contidos, abordaranse nocións básicas de vocalización e dicción, dramatización de textos, exercicios de ‘roll play’, análise de ‘podcasts’, aprendizaxe de escritura de textos para ser locutados, aprendizaxe de uso das ferramentas de gravación e edición de son, así como o uso das redes sociais en relación con isto.
Os obxectivos que se perseguen con estes obradoiros son fundamentalmente o fomento de radios dixitais realizadas polo alumnado e a integración en plataformas sociais de comunicación para a difusión dos contidos. Para alén diso, desde ‘Ponte…nas ondas!’ estase a preparar un portal das radios dixitais escolares que será o soporte de difusión dos centros que teñan esta vía de comunicación.
Difusión e posta en valor do patrimonio galego-portugués
Ademais do apoio á realización destes obradoiros, a Consellería de Cultura e Educación –a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística– tamén colabora este ano con Ponte nas ondas…! na celebración da XVI Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa para lle dar continuidade ao labor de difusión e transmisión do patrimonio cultural e lingüístico galego-portugués que se vén desenvolvendo dende hai dúas décadas, así como noutras liñas de traballo que ten en marcha a asociación a prol da inscrición do patrimonio inmaterial galego-portugués na listaxe representativa da Unesco.
Ponte… nas ondas! é unha experiencia educativa que se vén desenvolvendo desde o ano 1995 grazas á cooperación entre escolas de primaria e secundaria de Galicia e do norte de Portugal, coa participación de centros educativos doutros países. O programa foi recoñecido, entre outros galardóns, co Selo de Boa Práctica Iberoamericana Leer.es, pola calidade da experiencia para o desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística, e pola súa achega ao entendemento, interpretación e avaliación de textos en diferentes soportes empregando as TIC e a Rede como ferramentas de aprendizaxe e difusión.