“Galicia e o Norte de Portugal basicamente celebramos as mesmas festas, coas mesmas ritualidades e as mesmas crenzas”

Conversa na UNED-Pontevedra con Rafael Quintía Pereira, Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural. Escritor e Documentalista

Conversa na UNED-Pontevedra con Rafael Quintía Pereira, Licenciado en Antropoloxía Social e Cultural. Escritor e Documentalista“As fronteiras son un constructo político-administrativo e non sempre se corresponden ás áreas culturais, que hoxe en día moitas veces sobrepasan as fronteiras dos estados. E sobre todo cando partimos dunha concepción decimonónica que identifica estado-nación-fronteira-única cultura. No caso de Galicia, co Norte de Portugal e co oriente asturiano e Zamora, pois non funciona. Cando hai un accidente xeográfico, a nivel psicolóxico semella que iso aínda marca máis a fronteira, pero en sitios como o sur de Galicia, por exemplo coa raia seca, onde xa nin existe un accidente xeográfico como é un río, pois esa fronteira, ficiticia a nivel cultural, é absolutamente permeable, co cal a cultura é similar a un lado e outro ou só con matices como pode haber noutras zonas”

“No que respecta a Galicia e o Norte de Portugal, falando das festas do ciclo tradicional do ano, basicamente celebramos as mesmas festas, coas mesmas ritualidades e as mesmas crenzas. Agora que estamos no ciclo das festas da invernía e xa entrando no que sería a festa máis importante para min do calendario tradicional galego, o entroido, a similitudes son absolutas (…)

Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2016

O antropólogo e escritor vigués Rafael Quintía Pereira fíxose coa XVI edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, galardón que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa, pola obra ‘Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia’. O galardón está dotado con 3000 euros e coa publicación do traballo por Galaxia.

Santa Mariña ou a apropiación do celtismo polo cristianismo

O traballo premiado trata o tema da apropiación polo cristianismo dos mitos célticos, neste caso exemplificados a través das múltiples Santas Mariñas en Galicia, e está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transformación históricas que converteron os espazos, as fontes, as árbores ou as lagoas sagradas en lugares de culto cristián. O ensaio insírese ademais nesta ocasión nunha tradición que chanta as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos e documenta unha variedade dos diferentes aspectos da antropoloxía cultural de Galicia.

Antropólogo, economista, escritor e músico tradicional

Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e mais en Ciencias Económicas e Empresariais, escritor, documentalista e músico tradicional. Centra a súa actividade profesional na antropoloxía e é membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Cofundou o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e leva 25 anos vencellado ao asociacionismo e á dinamización sociocultural.

Gañou no ano 2015 o XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, polo traballo ‘Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega’; en 2010 o III Premio de investigación Luís Cuadrado (2010), polo traballo ‘A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo’ e é autor dunha decena de ensaios, entre os que cómpre destacar ‘Monte das Croas. Antropoloxía dun castro’ (2016), ‘Análise estrutural e simbólica do ito da Moura’ (2016), ‘La historia de Galicia en 50 lugares’ (2015), ‘Uso simbólico do cuarzo na cultura galega. Aspectos etnográficos e arqueolóxicos’ (2015), ‘Patrimonio Inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas’ (2014), ‘Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega’ (2013), ‘A Nosa Señora da Lanzada. Antropología de un santuario costero’ (2011) ou ‘Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo. Unha proposta interpretativa en clave céltica’ (2010).

A bitácora persoal de Rafael Quintía: A Sombra de Bouza Panda

1 COMMENT

Deixa una resposta a ENTREVISTA PARA “ESCOLA NAS ONDAS” | Á Sombra de Bouza Panda Cancel reply

Please enter your comment!
Please enter your name here