A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas! colabora con esta convocatoria escolar de traballos en galego. Prazo aberto deica o 17 de maio.
O instituto Rosalía de Castro de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Fundación Antonio Fraguas, a Fundación Rosalía de Castro, Radio Galega e a RAG, Ponte nas Ondas e Arraianos Producións, entidade promotora desta iniciativa, veñen de presentar o primeiro Certame Escolar Internacional de Podcast e Relato Radiofónico que se fai en Galicia.
Este premio leva o nome de quen foi a primeira estrela mediática de Galicia, Xosé Mosquera Pérez, un activista cultural e comprometido galeguista, que durante os anos 30 deu vida ao popular personaxe radiofónico “O vello dos contos” nos micros da emisora decana da radio no noso país, Unión Radio Galicia, que comezou a emitir xa en 1932. En xuño de 1933, facíaselle unha multitudinaria homenaxe no Hotel Compostela, momento que recolle a imaxe á beira deste texto.
Pezas inspiradas en Antonio Fraguas
O certame está dirixido ó alumnado do último curso de primaria e dos catro cursos da ESO dos centros educativos de Galicia e tamén dos que imparten lingua galega no exterior. Como indican as bases, van ter que gravar un relato radiofónico cunha duración máxima de 5 minutos sobre algún aspecto relacionado coa biografía ou a obra da figura que se homenaxea cada ano no Día das Letras Galegas. Haberá premio para as pezas gañadoras: 1.000 e 500 euros respectivamente para o primeiro e segundo elixidos. Ademais, o podcast vencedor e os finalistas vanse emitir na Radio Galega.
Este ano corresponde ó historiador e etnógrafo Antón Fraguas, autor que ademais de ser un dos impulsores da chegada da radio a Galicia, tamén compartiu experiencias de teatro radiofónico con Xosé Mosquera Pérez, pois os dous formaban parte do primeiro cadro de actores de Unión Radio Galicia, tal e como se recolle na foto de abaixo, onde Antón Fraguas é o primeiro pola esquerda, e Mosquera Pérez, pola dereita.
O texto do guión e maila gravación, que poden ser elaborados individualmente ou en grupo, hai que envialos ao enderezo certameradiofonico@iesrosaliadecastro.org
O prazo remata o 17 de maio de 2019.
AQUÍ AS BASES COMPLETAS