Oito horas de emisión en directo desde o IES Terra de Turonio celebran a apertura de Escolas nas Ondas

Celebrando o Día Mundial da Radio con radio en directo desde Gondomar.

Unha intensa xornada de radio en directo marcou o inicio do portal ESCOLAS NAS ONDAS que a partir deste Día Mundial da Radio de 2017 acollerá as producións audiovisuais das escolas galegas e portuguesas e dos países da lusofonía.

Ás 10 da mañá Adrián e Carlos, de 1º da ESO procedían a realizar a presentación da xornada co reitor da Universidade de Vigo agardando para ser entrevistado e para mostrarlle á audiencia o novo portal que vai permitir darlle voz ás escolas.

A seguir foron as persoas convidadas que pasaron polos estudios de Radio Turonio quen achegaron a súa voz. Poñían a primeira nota musical o coro tradicional Cantares do Brión na voz de Dani Domínguez quen contou como se formou o coro e o ben que o pasa cantando a nosa música popular.

Suso e Manolo, dous compoñentes do grupo Os Terribles de Donas fixéronlle confesións inéditas á súa neta Alexia que exercía de xornalista radiofónica.

E nada terrible foi tamén a experiencia de Peter, o lector de inglés do instituto, que demostrou que un americano pode falar galego e facelo moi ben.

A escritora Rexina Vega conversou co alumnado sobre a súa actividade literaria e docente, lembrando o seu paso polo instituto como profesora de Lingua e Literatura Galega.

Diego Bea, un dos compoñentes do dúo AMEVA contou como se iniciou no múndo da música e lembrou cando facía radio no seu paso polo centro.

E para lembranzas as que nos achegou o avó Hamilton da súa Irlanda natal no programa Café irlandés. As súas netas Laura e Andrea fixéronlle unha magnífica entrevista en inglés con tradución ao galego incluída.

Cando chegaba o mediodía, Radio Turonio establecía unha videoconferencia con dous ex-alumnos desde Canadá.

E a música en directo chegou da man de Leo i Arremecághona quen armado do seu cavaquiño interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos.

Na hora de comer foron os concursos telefónicos Quen canta? e Onde está o premio?, os que deron participación ao alumnado que desde os seus domicilios aproveitaron para chamar e participar.

Xa pola tarde, o alumnado do ciclo de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural presentou o programa Fillos do Galiñeiro, o monte onde realizan boa parte das súas prácticas, como a monta a cabalo.

E de cabalos falaron os alumnos do instituto no programa O meu cabalo, destinado a dar a coñecer os cabalos do alumnado.

E para pechar a programación, unha homenaxe ao escritor Carlos Casares, o autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.

O portal “Escolas nas Ondas”
Nado para ser un punto de encontro para o audiovisual nas escolas de Galicia e Portugal e os países da área galego-portuguesa, o directorio de radio-escolas e tele-escolas do portal Escolas nas Ondas acolle xa máis dun cento de puntos de emisión en centros educativos de Galicia, Portugal e Brasil. E a cifra irá subindo xa que andamos aínda peneirando o numeroso e vizoso correo que foi chegando ao longo deste Día Mundial da Radio 2017, onde nos veñen contando de iniciativas e emisoras que non coñecíamos deica agora (Acórdate de facernos saber da túa!).

Tamén puidemos seguir en directo outra experiencia apaixonante, a do alumnado do colexio de Barbudo, en Vila Verde (Portugal) e do Cordo Boullosa en Ponte Caldelas (Galicia), unidos este luns nas ondas para descubrir e contarnos canto temos en común ás dúas beiras do Miño e, en definitiva, vermos que galegos e portugueses non somos tan diferentes e temos un pasado común que podemos compartir mirando cara ao futuro.

E ferveu o noso teléfono móbil, onde un feixe de audio-mensaxes nos contaron do significado e o impacto da radio nas nosas vidas. Entre eles tamén unha agarimosa felicitación por parte da locutora Gemma Nierga, da Cadena Ser.

Obradoiros de radio
Durante as últimas semanas, a Asociación Ponte…nas Ondas! realizou tamén obradoiros de formación en centros educativos de Galicia e o Norte de Portugal, ata un total de 35 xa, fornecendo de formación a arredor dun milleiro de nenos e nenas na creación e realización de podcasts para a súa inserción nunha plataforma dixital de difusión que poden ser as radios educativas de cada centro onde se desenvolva. Ponte…nas ondas! tamén segue co seu programa de formación para profesorado sobre a creación de podcasts e a posta en marcha de radios dixitais.

A seguir as colaboracións especiais que foron chegando para este día (*Seguimos actualizándoa!):

E aquí podes ver a gravación da emisión especial de Radio Turonio:


Radio Turonio | Emisión Día Mundial da Radio por terradeturonio

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here