Certame 2022 – Podcast

———————————

FOTO 179

179

Alumna: Carmen Iglesias Fernández
Escola: IES San Rosendo (Mondoñedo)

A miña avoa de nova traballaba para unha señora maior que non podía facer as cousas soa e a miña avoa facíalle compañía e axudabaa. Un día a señora quixo ir de vacacións polas costas do Mar Menor e entón miña avoa tiña que acompañala para coidala alí tamén.

Cando chegaron fóronse para un piso que había cerca da praia.

Mentres que a señora daba un paseo, miña avoa ía facer recados. Cando chegou a tarde a señora quixo ir para a praia e miña avoa acompañouna. Mentres a señora estaba tomando o sol a miña avoa foi ao mar e decía que era como unha bañera enorme, porque non había ondas e a auga estaba quente. Como recordo, unha señora que estaba no mesmo edificio sacoulle unha foto e pasouno moi ben naquela viaxe.

PODCAST:

———————————

FOTO 187

187

Alumna: Henar Iglesias del Ser (4ºESO)
Escola: IES Alexandre Bóveda

Esta imaxe é do 30 de xullo de 1930 e nela aparece a miña avoa María José Noya Fernandéz, que fora a unha festa de Santiago de Compostela. Ela era de alí polo que sempre ía ás festas. O nome da festa era “Batalla de flores”, e estaban patrocinadas por todos os comercios de Santiago. Nela, persoas e carrozas desfilaban por todas as rúas do centro e sobre todo pola zona da Alameda e da Ferradura.

Naquelas festas tomaban parte un gran número de carrozas, coches e automóbiles adobiados. Ademais da Batalla de flores tamén se realizaba unha velada musical e unha gran sesión pirotécnica. Para a velada musical contratábase a grupos tradicionais galegos e no que se refire á pirotecnia, realizábanse queimas de pezas fixas e fontes luminosas. Normalmente a xornada remataba cunha batalla de flores na que se lanzaban ao aire todo tipo de flores e soltábanse numerosos globos, fitas e serpentinas.

Nesta imaxe pódese apreciar unha carroza en forma de barco, que estaba patrocinada por un establecemento de camións (Camiones G.M.C). A miña avoa é a segunda comezando pola parte de atrás do barco, ao carón da rapaza que non está vendo para a cámara. Esta foi unha das ultimas celebracións da “Batalla de flores” xa que logo veu a guerra e deixou de realizarse.

PODCAST

———————————

FOTO 201

201
Alumna: Cristina Louredo Pérez (4ºESO)
Escola: IES Alexandre Bóveda

Esta foto foi tomada en Ponteareas e pertence á miña familia desde hai moito tempo (arredor de 120 anos). Nela aparece o tío do meu avó, o maior dos irmáns do seu pai. Chámase Esteban Pérez Pellón e é o home que está sementando coa axuda dun aparello formado por unha caixa na que ían as sementes e os dous bois que tiraban dela.
Neste caso estaban sementando millo, que era o cultivo máis típico nos campos galegos, pois o trigo era máis caro e tardou en asentarse no noso territorio. A sementeira manual podíase facer de diferentes maneiras, normalmente facíase cunha grade que preparaba o terreo, neste caso ao facelo con este aparello xa se ía preparando o campo ao mesmo tempo que caía a semente.
Nesa época, a xente que só tiña un boi e non se podía permitir mercar outro acordaba un trato cun veciño que estivese na súa mesma situación, e cada vez que un deles necesitara un segundo boi, o veciño prestáballo. Esta especie de troco chamábano “amear”. Na dereita de todo da foto, detrás de Esteban aparece un neno, o meu avó identifícao como seu pai, José Ramón Pérez Pellón (o meu bisavó) pois levábanse entre eles 15 ou 20 anos.
Daquela era como se traballaba, con este método de labranza, non había maquinaria ningunha, nin tractores; todo iso non existía. Habíase que apañar con ben pouco.

PODCAST

———————————

FOTO 202

202

Alumna: Paula Ruíz Paz (4ºESO)
Escola: IES Alexandre Bóveda

Este é o meu bisavó Emilio Ruíz, alcumado “O León de Bouzas”, e que foi o heroe da segunda temporada do Celta de Vigo (1925), na que foi moi importante para gañar o campionato galego. Esta foto foi tomada no 1914, na súa época como xogador do Fortuna, nun dos estudos de fotografía que había antigamente en Vigo.
Un dos partidos máis lembrados do meu bisavó foi o 18 de xaneiro de 1925, no que o Celta xogaba o campionato galego ante o Deportivo. No minuto 38, o árbitro sancionou un penalti do xogador local Pasarín ante o coruñés Paco González. Pero, no lanzamento, o meu bisavó, coñecido como “O León de Bouzas”, estirouse coma un gato para coller o balón e evitar o empate visitante. Esa foi a xogada clave do encontro, decisiva para que os celestes lograran o título galego, o único que existía nese momento.
Uns meses despois, Vigo rendeu homenaxe ao heroe responsable daquel campionato: Emilio Ruíz, que daquela tiña 30 anos e xa se retirara do fútbol. É máis, xogara esa temporada co Celta porque o equipo quedara sen porteiros. O meu bisavó Emilio chegara ao Celta tras a fusión do Real Vigo e o Fortuna, pois el pertencía ao primeiro equipo do Fortuna. O “León de Bouzas” chegou a ser considerado un dos mellores porteiros nacionais, segundo as crónicas da época.

———————————

FOTOS 407, 408, 409, 410, 411, 412, 413, 414 COMPARTEN UN PODCAST

407
407

Alumno: Nicolás Gómez Campos (5 anos Educación Infantil)
Escola: CEIP da Ramallosa

“A malla: os nosos palleiros (1975)”
A tarefa de separar a semente da palla (para usos alimenticios), e a continuación gardar esta última facendo “palleiros” para alimentar os animais na época de menos pasto, posiblemente se poida remontar ao Paleolítico. Desta “tradición”, o certo é que só se conta con documentación, polo xeral iconográfica, dende as sociedades civilizadas do post-neolítico até as “altas culturas”, do “oriente próximo”. Pero o seu valor sociocultural non ten prezo!
———————————

408
408
Alumno: Nicolás Gómez Campos (5 anos Educación Infantil)
Escola: CEIP da Ramallosa

“A malla: os nosos palleiros (2)”
Otilia Campos Otero, a avoa do noso “Nico”, nun momento de descanso para o habitual “posado”. Cando se podía inmortalizábase este momento social tan importante dentro das labores do campo dos nosos antergos.

———————————

409
409
Alumno: Yoel Ares Gómez (4º E.P.)
Escola: CEIP da Ramallosa

“A emigración: a radio (1956)”
Manuel Gómez Becerra (Lelo Gómez ou Lelo de Calvo) nado en San Cristovo de Reis (Teo). Partiu da súa casa no ano 1956, embarcando en Vigo con rumbo a Arxentina na procura dun próspero futuro. Ao pouco da súa chegada enviou esta foto á súa familia, coa que tentaban tranquilizar á familia facéndolles ver que as cousas lles ían ben. Permaneceu 50 anos ata que regresou sendo xa moi maior, para pasar os seus últimos anos de vida na súa terriña. Na parroquia que o veu nacer!

———————————

410
410

Alumna: Leire Quintela Precedo (3º E.P.)
Escola: CEIP da Ramallosa

“A emigración: orixe e xenoma”
Velaquí está a tataravoa de Leire. Unha indíxena de “pedigree”: Manuela García Jiménez. Non se chamaba así pero foi re-bautizada aquí. Naceu en Bos Aires, Arxentina, o 21 de xullo de 1900. Era filla dun emigrante galego e unha indíxena. Con 6 anos foi reclamada polo seu avó paterno galego e veuse para aquí para herdar as terras e bens do seu avó. Firmando un documento privado, no cal se especificaba que ninguén da familia de América podía reclamarlle nada destas propiedades. Co tempo casou co tataravó de Leire, natural de Feros – Cacheiras (Teo). Do cal naceron 2 fillos, un neno e unha nena (a avoa de Leire). Enviudou moi nova, con 30-35 anos, e tivo que botarse a traballar fóra da casa ao xornal. O fillo agora ten 95 anos, e ten poucos recordos. Tampouco tiña moita información, pois pensaban que se “falaban ou contaban” calquera viría de fóra a reclamarlles algo.
———————————

411
411

Alumna: Lía Seoane Maio (5º E.P.)
Escola: CEIP da Ramallosa

“A emigración: sentimentos” (1915-20)
Esta imaxe é moi importante para a familia de Lía. Atopárona fai moi pouquiño rebuscando nun baúl na casa dun tío paterno do pai de Lía. A imaxe, aínda que parece de Galicia, chegou desde Arxentina acompañada dunha carta para saudar á familia que quedara aquí. “María Consuelo” é a tataravoa de Lía! E como moitas das familias que emigraron a Arxentina nos primeiros anos do século XX, para comunicarse cos seus familiares, enviaban cartas acompañadas de fotos de estudio con boa vestimenta para amosar que estaban atravesando por unha boa situación. Aínda que en realidade, nalgunhas ocasións, non fose así.

———————————

412
412

Alumno: Aitor Novo Seoane (3º E.P.)
Escola: CEIP da Ramallosa

“Festa” (1970)
Colaxe con diferentes momentos festivos da familia. Na foto principal a avoa de Aiotr, que empezara a ir a unhas clases de guitarra.

———————————

413
413

Alumna: Lola Louro Calvo (3º E.P.)
Escola: CEIP da Ramallosa

“Mariñeiros nas Américas” (1910-15) – Estados Unidos
Na imaxe, o señor de bigote que está fumando pipa, vén sendo o avó da avoa da nai de Lola. Moitos aniños pasaron! Ela chamáballe “papá Juan”. Era mariñeiro e tamén traballaba nun “armador” facendo barcos. Tiña 2 barcos en propiedade e adicábase maiormente a transportar madeira pola ría. Anos despois, estivo embarcado co seu irmán, e foi entón cando fixeron esta fermosa foto.

———————————

414
414

Alumno: Leo Couso Guimarey (3º E.P.)
Escola: CEIP da Ramallosa

“Na escola” (1960)
O “tío José”, como lle chaman na casa de Leo, é veciño da familia. Non teñen parentesco familiar realmente, pero na aldea facíanse verdadeiros vínculos cos veciños máis apegados. Eran un máis da familia para todo. Para o bo e para o malo, sempre estaban aí. A imaxe é o habitual retrato escolar que facían aos nenos na escola como recordatorio. Neste caso, na escola unitaria de Cequeril en Cuntis (A Estrada). O tío José foi durante toda a súa vida monitor de autoescola e hoxe goza da súa merecida xubilación.

PODCAST COMÚN A TODAS AS ANTERIORES