Un proxecto audiovisual para as aulas iniciado no curso 2022/2023.
Novas da escola, novas do concello… O alumnado participante diante das cámaras en Creando TV cóntanos nunha das súas recentes pezas informativas por exemplo como en Infantil están a traballar as emocións e as ilusións, sobre as próximas saídas do alumnado da escola á natureza, explícannos sobre efemérides de interese ou relátannos a recente visita das nenas e nenos de 1º ao Castelo de Santa Cruz.
Creando TV está dirixido por dous profesores do centro, Miguel e Paulo e nel están involucrados directamente 12 alumnos/as de 6º nivel que son os que participan activamente na emisión final do telexornal, ademais dun nutrido grupo de alumnos que alimentan estas noticias, buscándoas e dándoas a coñecer ao resto do grupo.
Segundo nos contan, o proxecto iniciouse no primeiro trimestre do curso 2022/2023 e ten a vontade de seguir durante os próximos anos, involucrando tamén alumnado de 5º curso. O traballo realízase durante toda a semana, comezando o luns na sala de gravación coa asignación a cadaquén do seu papel na emisión. Martes e mércores, o alumnado recompila a información: novas de dirección, biblioteca, infantil, novas do concello, ou tempo, deportes, entrevistas a diversas persoas tanto de propio centro como alleas a el… O xoves faise a posta en común, supervisión e dáselle forma ao programa. E finalmente, o venres, durante os recreos, realízase a gravación do telexornal no estudo chroma.
Interpretando a realidade que nos rodea
En liñas xerais, cóntanos o profesorado coordinador, “o que propoñemos é unha actividade que lles axude a crear a súa propia televisión escolar no centro con noticias sobre o seu centro, a súa contorna e a súa cidade. Que aprendan a interpretar e informar sobre a realidade que lles rodea e vaian interesándose polo mundo no que viven a través dos informativos. A mellor maneira de que entendan o mundo no que viven, é que participen da información e, desta, a máis próxima é a que máis pode interesarlles”.
Segundo resumen para Escolas nas Ondas, hai un feixe de razóns pedagóxicas que avalan o proxecto, incluídas a mellora da comunicación entre alumnos/as e con toda a comunidade educativa, a potenciación da lingua galega e o fomento da lingua no ámbito escolar, o desenvolvemento de habilidades técnicas e creativas e, en xeral, o enriquecemento curricular, permitindo afondar e traballar sobre temas que se están estudando na aula.
Parabéns a Creando TV!
Todas as emisións e programas no espazo web de Creando TV