Día do Peón 2023

Achégase o #DíadoPeón!

#Brinquedia fai público o manifesto desta XVII edición do evento, nesta ocasión elaborado polo persoal do departamento de Cultura do Concello de Lousame @somoslousame

E que bailen os #peóns!

@patrimonioludicogalego #buxaina #peón #perinola #baldufa #spinnigtop #peonza #trompo

Cartel do Día do Peón 2023

MANIFESTO DO DÍA INTERNACIONAL DO PEÓN

PARQUE DE SAN LOURENZO, XOVES 9 DE NOVEMBRO DE 2023

Un ano máis, BRINQUEDIA (Rede Galega do Xogo Tradicional), promove a celebración do día do peón, tamén coñecido coma buxaina ou trompo. O Concello de Lousame súmase a esta celebración que promove unha necesidade vital do ser humano: XOGAR, actividade indispensable para o desenvolvemento dos nenos e das nenas, unha ferramenta para expresarse, divertirse, favorecer a psicomotricidade e tamén para traballar o maxín dos máis pequenos. O xogo popular é parte da nosa cultura, constrúe identidade e favorece as relacións interxeneracionais.

Segundo os arqueólogos, os peóns son os xoguetes máis antigos do mundo, xa que se atoparon en xacementos arqueolóxicos datados no século 35 a.C. Os trompos poden ter diferentes tamaños e formas, se ben todos teñen o mesmo obxectivo, bailar o maior tempo posible. Hai variantes milenarias de este xoguete en todo o mundo: Xapón (Koma), Alemaña (Kreisels), Indonesia (Gasing)… Coma moitos dos xogos tradicionais galegos é un xogo estacional, é dicir, xógase nunha determinada época do ano; de feito o refraneiro conta que “Polo San Martiño, trompos ao camiño, polo San Antón trompos ao caixón”. No outono é habitual ver en moitos magostos demostracións ou competicións de peóns.

Animamos aos nenos e nenas a que xoguen cos xogos tradicionais: que bailen o péon, que xoguen á Mariola, ás bólas, ás chapas, á corda, brilé, aña… É unha forma de preservar o noso patrimonio etnográfico e de compartir momentos únicos con amigos e familia. Nunha época tan complexa que vivimos, na que priman as novas tecnoloxías, faise necesario mirar atrás e recuperar a esencia da infancia e a xuventude.

Dende o Concello de Lousame sempre estaremos dispostos a promover e axudar calquera iniciativa que poña en valor a riqueza da nosa cultura; por iso hoxe estamos aquí no Parque de San Lourenzo, para dar comezo á tempada deste enredo marabilloso. E facémolo collendo todos xuntos o peón, enrolando a corda, e á de tres…1, 2, 3…a bailar!