O “sancosmeiro”, un sombreiro tradicional que forma parte do patrimonio inmaterial da parroquia, é eixo deste programa que nos envían para a conmemoración do Día da Radio 2023.
Nel os nenos/as de 3º e 4º de educación primaria organizan un concurso de preguntas sobre o sancosmeiro, no que participan o resto de compañeiros/as do colexio. Tamén se recolle unha pequena intervención da concelleira de Cultura do Concello de Mazaricos e presidenta da Asociación Trenzarte, unha asociación formada por artesás que elaboran estes sombreiros e que contan coa certificación de Artesanía de Galicia.
Cóntannos que o programa foi realizado dentro do proxecto de aprendizaxe-servizo “O sancosmeiro”, o cal ten como obxectivo porlle solución ao problema de relevo xeracional que sofre este sombreiro ao non existir case veciños/as que continúen con esta parte do patrimonio mazaricán.
Máis información sobre o “sancosmeiro” no blog da biblioteca.