O Veleiro verde de María Fumaça, removendo conciencias a ritmo de rap, rock, funk e música tradicional.
A familia María Fumaça tenta remover conciencias a ritmo de rap, rock ou funk sen esquecer a súa esencia tradicional. De novo, o brasilego Sérgio Tannus encárgase da dirección musical e Pablo Pastor das ilustracións. O veleiro verde, gravado por Isaac Palacín, conta con colaboracións de luxo. Participan, entre outros, o actor e humorista Carlos Blanco; o cantante do grupo O Sonoro Maxín, Ico ou o rapeiro A.K.A Moreno.
O veleiro verde, disco-libro publicado pola editorial Galaxia (colección Sonárbore), incorpora novos ritmos e temáticas que pretenden reflectir a evolución de Ruí, o seu protagonista. Metido de cheo na adolescencia, mudou os gustos e as preocupacións pero non as ganas de cambiar o mundo. Na compaña dos seus, canta alto e forte a prol da inclusión, a igualdade e o dereito a medrar nun planeta vivo, verde e con futuro.
Ilusión, alegría e moita forza
Chus Domínguez, a nai de Ruí, asina moitos dos temas orixinais e Paulo Ces, un dos pequenos da saga, aporta o seu “Pasodobre de Bamba”. O guionista e director do Festival de cans, Alfonso Pato, estréase como letrista de María Fumaça en “A pita de Fita” e “A árbore de Manolo”. Uxía, madriña do protagonista e impulsora do proxecto, dá título ao disco-libro cunha canción dedicada ao Rainbow Warrior, o emblemático barco de Greenpeace.
Entre as versións, destaca “O carteiro em bicicleta” do cantautor portugués João Afonso. Magín Blanco, autor do “Ruiguetón”, Raquel Domínguez, Santi Cribeiro e Antonio Castillo completan o elenco instrumentista. O resto da familia, que segue medrando, achega ilusión, alegría e moita forza para reclamar, a través da música, un mundo máis xusto e sen barreiras.